A Coruña, 13 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, visitaron hoxe o Complexo Deportivo de Elviña I para comprobar as obras realizadas co obxectivo de impulsar a modernización, a funcionalidade e a seguridade destas instalacións. Estas melloras, que alcanzan un investimento global de 3,4 millóns de euros, súmanse ás xa realizadas nos campos de fútbol.
No pavillón, actuáronse na cuberta e na envolvente do edificio para mellorar a eficiencia enerxética, así como nas instalacións internas, como a iluminación, climatización e saneamento. Ademais, melloráronse a accesibilidade e a seguridade mediante a instalación dun ascensor e sinalización. Renováronse o material deportivo e creáronse novos espazos, como salas de actividades e unha ludoteca. Segundo indicou o conselleiro, as persoas usuarias contarán cun pavillón, ximnasio, piscina e vestiarios renovados, permitindo así a práctica deportiva en mellores condicións de seguridade e confort.
As obras no complexo deportivo veñen completar as melloras realizadas nos campos de fútbol, onde se substituíron os céspedes artificiais, se renovou a iluminación, se cambiou a cuberta da tribuna e se mellorou o pavimento, así como os vestiarios e a galería de acceso.
Melloras noutras infraestruturas deportivas
Diego Calvo referiuse tamén a outras reformas integrais pendentes nos complexos deportivos da cidade, que están á espera de que o Concello avance nas respectivas tramitacións. É o caso da Sardiñeira, onde xa se acometeu a reparación parcial da cuberta e se prevé un investimento global de 2,5 millóns de euros. Doutra banda, tamén se planifica unha reforma en Agra I, cun orzamento previsto de arredor de 2,8 millóns de euros.
No que respecta ás instalacións de xestión directa da Xunta, rematáronse as reformas dos pavillóns de Monte Alto, Agra II e Monte das Moas, cun investimento que ascende a case 2 millóns de euros. Ademais, este verán están previstas obras en Elviña II, cun montante de máis de 1 millón de euros.
Diego Calvo destacou que estas iniciativas están enmarcadas no compromiso do Goberno galego coas infraestruturas deportivas da cidade para promover o benestar e a saúde da cidadanía, dotándoa de instalacións adecuadas para a práctica do deporte e a actividade física.
