San Cibrao das Viñas (Ourense), 12 de setembro do 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa San Cibrao das Viñas, Marta Novoa Iglesias, o convenio para a cesión gratuíta dunha parcela para a construción dun edificio de promoción pública para 12 vivendas en San Cibrao das Viñas. Situada na Urbanización Gonoba, concretamente na rúa do Falcón, a parcela conta cunha superficie de preto de 470 metros cadrados.
Licitación do Proxecto
M. Allegue anunciou, ademais, que hoxe mesmo publicouse no perfil do contratante da Xunta a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble, por un importe de 95.485,00 €. As empresas interesadas neste contrato terán ata o vindeiro día 24 de outubro para presentar as súas ofertas.
Investimento Total e Colaboración
O investimento total estimado que fará o departamento que dirixe María M. Allegue nesta actuación é de 2.300.000,00 €. A Xunta abordará a construción destes novos fogares a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal).
A conselleira salientou a colaboración cos concellos para acadar máis solos para a promoción de vivendas públicas, con acordos xa coas administracións locais de Narón, Carballo, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.
Compromiso Coa Comunidade
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que o Goberno galego «ten un firme compromiso con San Cibrao das Viñas, pulmón industrial de Ourense e unha das zonas máis importantes de Galicia neste sentido, e Concello onde traballan, só nos polígonos, máis de 8.000 persoas».
Nesa liña, M. Allegue salientou que a Xunta está a redobrar esforzos para facilitar o acceso á vivenda, a través de distintas vías. En canto á construción de nova vivenda protexida, o Goberno galego conta con máis de 2.800 fogares en marcha, en diferentes fases de tramitación.
