Barcelona, 22 de abril de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompaña hoxe a delegación galega na Seafood Expo Global 2026, que se celebra no recinto Fira de Barcelona. Durante a súa visita, a responsable autonómica subliñou que a presenza de Galicia nesta 32ª edición —a máis grande da historia da feira— é fundamental para consolidar o liderado internacional da industria transformadora e comercializadora galega, un sector que é sinónimo de calidade, innovación e respecto polo medio ambiente.
O Goberno galego despregou un importante apoio loxístico e promocional a través dun stand institucional de máis de 770 metros cadrados. Este espazo serve de escaparate para case 50 empresas e organizacións do sector, facilitando encontros de negocio con compradores de todo o mundo, que amosa a fortaleza e a vocación exportadora do complexo mar-industria da comunidade. A conselleira visitou todas as empresas galegas para coñecer as súas impresións nos primeiros días do certame e destacou “a importancia da internacionalización das pemes galegas neste tipo de certames”.
Villaverde acudiu no propio stand de Galicia á presentación dun informe realizado por Opromar (Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín) sobre a presenza de produtos do mar nos menús dos comedores escolares de toda España. A conselleira enfatizou na necesidade de aumentar o consumo destes produtos máis alá do que establece o Real decreto que acaba de entrar en vigor e que fixa entre unha e tres racións semanais. “É unha cuestión de saúde e é especialmente importante na alimentación infantil”, afirmou, ademais de insistir en reclamar a redución do IVE a estes produtos.
Posteriormente, a titular de Mar participou noutro evento de Anfaco-Cytma onde puxo en valor a importancia desta entidade sectorial, resaltando a importancia estratéxica dos proxectos de I+D+i e a transferencia tecnolóxica para manter o liderado da conserva e os produtos do mar galegos nos mercados máis esixentes.
Ademais, Villaverde reuniuse co embaixador de Países Baixos en España para abordar posibles vías de colaboración co país centroeuropeo en materia de pesca e mantivo outra reunión con representantes dunha delegación de Angola para presentar a «Iniciativa para una Economía Azul Sustentable e Estratéxica» neste país africano. O proxecto, no que Galicia participa activamente xunto á axencia FIIAPP, busca transferir o coñecemento e a tecnoloxía galega para fomentar o desenvolvemento sustentable dos recursos mariños en Angola.
A titular de Mar destacou que esta colaboración é unha oportunidade bidireccional: mentres Galicia achega a súa experiencia en xestión pesqueira e asegura a súa posición como socio preferente nun mercado estratéxico. «A recuperación das importacións de produtos de Angola no último ano demostra que as nosas alianzas internacionais son moi importantes para manter a competitividade das empresas galegas», sinalou.
Internacionalización para crecer
A presenza en Barcelona inscríbese na ambiciosa estratexia de promoción exterior das empresas e os produtos de Galicia por parte da Consellería do Mar, que contempla a participación en 25 feiras internacionais ao longo de 2026. Villaverde lembrou que eventos como a Seafood Expo Global, que reúne a máis de 2.300 empresas de 86 países, “son o escenario idóneo para abrir novos mercados e blindar o futuro dunha actividade que xera miles de empregos na nosa comunidade”.
A responsable de Mar concluíu reafirmando que a Xunta seguirá apostando pola internacionalización e a transferencia de coñecemento como “as mellores ferramentas para que os produtos galegos sigan sendo a referencia nas mesas dos cinco continentes”.
