Santiago de Compostela, 22 de abril de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do Congreso FP Innova 2026, onde destacou que o novo Plan Innova FP Galicia 2026-2030, que leva aparellado un orzamento de preto de 30 millóns de euros, vai poñer a disposición do profesorado novas ferramentas para facilitar a docencia, ao tempo que se completa e mellora a cualificación do alumnado. “Isto situará a nosa Formación Profesional na vangarda da docencia ao servizo da mellor capacitación dos estudantes”, sinalou Rodríguez, quen visitou tamén a feira onde se exhiben os proxectos de innovación e emprendemento realizados polo alumnado, acompañado da directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Innovación e novas tecnoloxías no sistema educativo
Entre os novos recursos destaca o Metaverso FPGal, un hub de ferramentas de realidade estendida con plataformas de adestramento en contornas virtuais. Co apoio do Centro Eduardo Barreiros, desenvolverase unha plataforma integral para reforzar o uso das novas tecnoloxías na xestión diaria dos centros educativos, que incluirá tres programas: Capacita FP, Simula FP e Orienta FP.
O programa Capacita FP consistirá no desenvolvemento dunha plataforma intelixente e disruptiva para a xeración automática de experiencias prácticas, adaptadas e personalizadas para a formación en tecnoloxías emerxentes. Simula FP será un sistema de simulación avanzada intelixente que permitirá a práctica en entornos realistas e inmersivos, adaptados ás diferentes especialidades e ao nivel formativo dos alumnos. Por último, Orienta FP facilitará a orientació profesional e a planificación educativa mediante a recomendación de itinerarios personalizados que adapten a oferta de FP ás necesidades do mercado laboral. Ademais, se desenvolverán novas aplicacións que, co uso da intelixencia artificial, permitirán avanzar en áreas como a internacionalización ou a orientación, enriquecendo as xa existentes como Vetinen ou OPI Orienta.
“O conxunto destes recursos permitirá avanzar cara a un sistema mixto, no que ao bo facer dos docentes se sumen as posibilidades das tecnoloxías máis punteiras”, dixo o conselleiro. “Isto vai redundar en profundas transformacións tanto na metodoloxía de traballo dos docentes como na forma de aprender dos alumnos”, abundou Rodríguez.
Participación docente e empresarial
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, sinalou o papel central do profesorado no avance e consolidación da I+D+i da FP galega. Nesta xornada técnica participan arredor de 700 docentes e representantes de 41 empresas, e o conselleiro puxo en valor o traballo desenvolvido ata o momento, “do cal son unha excelente mostra os proxectos de innovación e emprendemento que se poden visitar na feira FP Innova, que son froito do esforzo de profesores proactivos que buscan ofrecer a mellor formación aos seus alumnos.”
O novo Plan Innova FP Galicia reforza así a aposta pola investigación e innovación aplicada, cun orzamento de case 30 millóns de euros. “De novo facemos fincapé no papel central dos docentes, intensificando tamén a súa formación de alta especialización baixo a coordinación do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, un referente neste eido”, engadiu. Entre outros ámbitos, este plan fará fincapé na ciberseguridade e no coñecemento da computación cuántica e do big data.
Nova figura do profesor investigador
Rodríguez salientou tamén a creación da nova figura do profesor investigador, encargados de xerar proxectos de investigación e innovación aplicada, que contribuirán á consecución dos obxectivos do plan. O novo Plan Innova FP Galicia suporá un impulso definitivo á transferencia da investigación e innovación aplicada aos sectores produtivos. Para iso, crearase a Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP galega, centrada en 12 ámbitos prioritarios de especialización da Comunidade, acorde ao Plan de I+D+i de Galicia 2025-2027, favorecendo así dinámicas de transferencia ás empresas.
Iniciativas innovadoras e espazos de tecnoloxía avanzada
Na nova rede habilitaranse 50 espazos de tecnoloxía avanzada e poñeranse en marcha ducias de ciclos de innovación en colaboración con empresas, entidades, universidades e centros tecnolóxicos, así como cátedras profesionais de tecnoloxía avanzada mediante retos empresariais. A maiores, potenciarase o programa InnovaTech FP, no que os alumnos responderán a retos tecnolóxicos propostos por empresas e se convocarán premios a proxectos de innovación desenvolvidos nos centros de FP.
Tamén se favorecerá a creación de empresas de base tecnolóxica a través da propia FP, mediante 60 nodos de innovación e o impulso á xeración de patentes. Para sustentar esta iniciativa, a Consellería de Educación está a elaborar un decreto para regular a protección, explotación e transferencia da propiedade industrial e intelectual no ámbito da FP.
FP Innova: feira de innovación e emprendemento
Tras a apertura do congreso, o conselleiro visitou o espazo expositivo da feira FP Innova, que ocupa 4.100 m² e onde alumnado e público en xeral pode achegarse a máis de 70 proxectos de innovación e emprendemento desenvolvidos por 38 centros de toda a xeografía galega en colaboración con empresas. O evento conta tamén con 14 obradoiros que permitirán aos asistentes experimentar en primeira persoa con tecnoloxías e técnicas como a creación de videoxogos, a biotecnoloxía, a impresión 3D, a robótica, a programación en linguaxe natural e as artes gráficas.
Ademais, a feira inclúe unha exposición de robótica, que presenta desde modelos humanoides e bípedos ata dispositivos deseñados para o coidado e asistencia de persoas, poñendo a tecnoloxía ao servizo do benestar social. Tamén haberá demostracións en vivo sobre ciberseguridade, un espazo dedicado a tecnoloxías inmersivas e un simulador de voo de corpo completo que ofrece aos visitantes unha experiencia hiperrealista.
A feira poderá visitarse ata o venres, con entrada libre e de balde, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00, os días 22 e 23, e a mañá do 24. Toda a información está dispoñible no portal educativo.
Os proxectos poden consultarse no dossier anexo.
